Sunday 28 de April de 2024

Xosé Antón Parada leva á Pobra a tradución ao galego do código de Hammurabi


O código de Hammurabi é un conxunto de leis en acadio que o profesor e experto en linguas antigas Xosé Antón Parada traduciu ao galego e que viu a luz en 2022.

Agora, o libro presentarase ante o público da Pobra do Caramiñal no xoves 22, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O autor estará acompañado durante o acto do alcalde, José Carlos Vidal; da parlamentaria galega, Rosana Pérez; do director da colección Vetera da editorial Rinoceronte, Raúl Gómez-Pato; e do editor de Rinoceronte, Moisés Barcia.

A publicación do Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica achega textos que tiveron unha expansión e unha influencia determinante na historia da humanidade. As coleccións de leis aquí presentes foron recollidas por escribáns nas escolas e centros reais da antiga Mesopotamia entre os séculos XVIII e o I a .C.

Este arduo traballo de tradución fixo que o seu autor resultase merecedor do XXI Premio Plácido Castro.

A entrada é libre ata completa-la cabida da referida instalación municipal.